Prensa

Marful no ZIG-ZAG da TVG

[28.04.2010 TVG2]

Esta noite, ás 19:58h no programa ZIG-ZAG da TVG2, presentación do videoclip de MARFUL.

Comparte e goza compartindo:
  • email
  • RSS
  • Add to favorites
  • del.icio.us
  • Google Bookmarks
  • Google Buzz
  • Meneame
  • LaTafanera
  • Chuza

Marful grava o seu novo disco en Ponte Caldelas

[11.04.2010 DIARIODEPONTEVEDRA.GALICIAE.COM]

Marful pecha os salóns de baile e abre os cinemas. Iso pasou así na historia recente de Galicia: os salóns de baile reconvertíronse en salas de cinema. E iso pasa así no segundo capítulo da historia de Marful, que grava estos días o seu novo traballo nos estudios Savik Sound de Caritel, en Ponte Caldelas. O grupo que lidera Ugía Pedreira (e no que militan Pedro Pascual -acordeón diatónico-, Pablo Pascual -clarinete baixo- e o guitarrista flamenco Marcos Teira) quixo aproveitar a circunstancia do cambio salón-cinema para apuntalar a súa traxectoria e, mentres aínda están coas mans na masa, xa anuncian na súa páxina web (www.marful.info) que se van ao cinema. «É unha brincadeira nosa relacionada co feito ese da transformación dos vellos salóns de baile en cinemas. Hoxe en día xa pecharon tamén moitas destas salas», di a cantante. «Aínda así, o disco está cheo de imaxes. É como se lle puxeramos a banda sonora a unha serie de imaxes nas que nos inspiramos».

Marful gravando novo disco

O segundo traballo de Marful apunta maneiras. «Estanos saíndo un disco moi viaxeiro onde a música e a poesía van sempre da man e onde hai unha mestura entre o imaxinario, o onírico, ese realismo máxico, que tanto define aos galegos, e o real». O grupo púxolle banda sonora a toda unha película de viaxes. «Neste disco viaxamos a Brasil, viaxamos a Cuba, viaxamos a Italia, viaxamos a Francia… Imos a moitos dos sitios nos que estivemos durante estes anos, anos que foron de barbeito, pero tamén de escenarios», di Ugía Pedreira.

O son que conseguimos é máis ‘vintage’ que no anterior traballo. Eu diría que é impactante-exuberante. Como se andiveramos con sementes de flores exuberantes dun lado para o outro». E por suposo… «E por suposto xogamos constantemente coa retranca, co humor galego, coa sorna…». Iso si: que ninguén solte a parella de baile porque a festa continúa. «Bailaremos quizais máis que no primeiro disco».

O técnico de son

Como deron os Marful co estudio Savik Sound que José Trincado ‘Triki’ ten en Caritel é sinxelo de explicar. «El é o noso técnico dende hai moitos anos, dende o inicio do grupo, así que nos coñece moi ben aos catro e coñece moi ben o son cálido que buscamos nesta nova viaxe», conta Pedreira. «E logo el ten unha mesa de mesturas moi especial, unha Midas dos anos 80, que converteu este estudio en toda unha referencia». Ata aquí veu a esquimal amiga de Björk, Tanya Tagaq, buscándoo. «Pero é que ademais está situado nun pequeno paraíso para gravar, Ponte Caldelas, e é case como unha casa indiana cunha arquitectura fabulosa».

10 de setembro

O disco «cheo de detalles», que anuncia Ugía Pedreira, máis internacional e alegre que o anterior traballo, «luminoso e exuberante coma as grandes extensións de vides», aínda non ten título nin data de lanzamento. Marful coida con celo cada peza do puzzle, como xa fixera co seu debut discográfico. O que si teñen xa os músicos é data para a presentación en directo dos seus novos temas: o 10 de setembro no Teatro Colón da Coruña. Anuncian pasodobres, swings, mambos, valses e jotas para non parar de bailar.

Historia

Marful apareceu como tal no ano 2006 cun disco homónimo no que se reivindicaba a música de baile galega de entre os anos 30 e 50. Os oíntes da Radio Galega escolleron o seu como mellor traballo daquel ano. O grupo tocou no Festival de músicas do mundo de Sines e foi a primeira banda en representar a Galiza no prestixioso Womex.

Fonte: diariodepontevedra.galiciae.com

Comparte e goza compartindo:
  • email
  • RSS
  • Add to favorites
  • del.icio.us
  • Google Bookmarks
  • Google Buzz
  • Meneame
  • LaTafanera
  • Chuza

A cociña a lume lento de Marful

[09.04.2010 ELPAIS.COM]

Un gato rubio e sen nome que se espreguiza ao sol despois da sesta vespertina é un dos 500 habitantes oficiais da parroquia de Caritel (Ponte Caldelas). O día de abril luminoso na primavera intermitente convida a gozar, ao aire libre, das correntes que envolven a lindeira Serra do Suído e espeluxan os teitos das carballeiras. Agora que calaron o remorso da chuvia e o estourido da madeira seca no lume, a quietude é clamorosa.

Apenas serán uns minutos, mais son efectivos para recargar baterías. A carón da mascota anónima que outra volta claudica sen resistencia e abandónase ao sono, a vocalista e compositora Ugia Pedreira apura a pausa. Tamén tivo que ver esta tranquilidade nos motivos que conduciron á súa banda, Marful, a estar aquí. O grupo remata estes días a gravación do seu segundo álbum. Só resta a voz da cantante e para ese proceso escolleron os estudos Savik Sound, ubicados nunha casa de arquitectura indiana construída a principios do século XX na pequena parroquia e que atesoura unha mesa analóxica dos 80 que achega, segundo o técnico José Trincado, Triki, «calidez, un son peculiar marca da casa». O contexto semella a pé feito para cadrar coa identidade musical dunha banda con querenza especial polos ritmos de ida e volta. «O que máis me gusta desta profesión é estar no palco e escribir, o estudio é o que peor levo; así que, polo menos, compensa o feito de facelo neste lugar», revela. Non é a única confidencia da artista, disposta a compartir unhas horas do seu traballo ao pé do micro, o punto onde converxen ideas probadas, ocorrencias posteriores e o intre preciso en que a cantante se coloca a gravar.

A mecánica aseméllase ao xeito de filmar unha secuencia de cine que amosa o como-se-fixo. Cada tema é un quebracabezas que se pensa, se ensaia, se pule e se escoita, unha e outra vez, para acadar o matiz desexado, o punto interpretativo que require a letra, as inflexións que dialogan cos arranxos e o final que pon o contrapunto aos instrumentos. Nos últimos dous meses, os outros tres membros de Marful, os irmáns Pedro e Pablo Pascual e Marcos Teira, rexistraron as bases musicais propias e as da avultada e ilustre nómina de colaboradores. Ademais dos habituais, o batería Lar Legido e o contrabaixista Xacobe Martínez Antelo, no novo disco de Marful soan os cubanos Alejandro Vargas (piano) e José Manuel Díaz (contrabaixo), a trompeta do músico británico David Herrington, os violíns de Diego Galaz e de Quim Farinha e a serra de Germán Díaz.

Pedreira concéntrase nas observacións apuntadas por Pedro Pascual, quen a acompaña estes días decisivos, un disco aínda sen título e sen data de lanzamento, polo de agora, aínda que será en 2010. Non hai precipitación nesta cociña aberta aos sabores insólitos e que guisa a lume lento, como recomenda o bo xantar. Neste grupo, por certo, hai requintados gastrónomos. Esta tarde incorporáse ademais outra visita, pero é da casa. A cantante Guadi Galego únese ao dúo como colega de profesión, como profesora de canto na escola A Central Folque que dirixe Pedreira e, sobre todo, como amiga de Marful.

Empezan pola Jota para Frank Sinatra. É un tema complexo, con cambios de ritmo e solos de trompeta poderosos que retan á cantante, visibelmente conmovida pola intensidade. «Os músicos traballaron con total liberdade no seu terreo, agora tócame a min facer as miñas aportacións e, ao tempo, axustarme ás variacións dos temas respecto do pactado nos ensaios», explica a cantante. O tema no que traballan nese intre é un dos que xa ten aparecido no repertorio en directo de Marful, porque ao grupo lle gusta ir probando as novas composicións antes do seu lanzamento oficial. O que toca agora é traspoñer ao estudio a interpretación cuñada en vivo.

Até o momento, a actuación do pasado 27 de marzo en Pontevedra, compartindo cartel con Bonovo, é a última de Marful. Tamén foi a única contratada polo Xacobeo para todo este ano. O grupo aproveitou a ocasión para probar en directo outras primicias, como Maria Ninguém, do brasileiro Carlos Lyra que antes foi versionado por Rita Lee e por Brigitte Bardot, Pasodoble Universal, que sairá como primeiro sinxelo, e De Vigo vuelvo, a recreación dunha partitura que Pedro atopou nun anticuario na fronteira francesa. Chamoulle a atención o título e resolveron conservalo coa melodía, para a que Pedreira compuxo a letra. De quen case nada se sabe é do seu autor, un tal Ray Fortuny que algo debeu de andar por Galicia.

«En comparación con Salón de baile [o primeiro disco, autoeditado en 2006], o peso das nosas composicións é maior neste traballo», indica Pablo Pascual. Hai outras novidades salientábeis, como o aumento da variedade instrumental, debida á versatilidade dos músicos. Pablo toca varios tipos de clarinetes; ademais do seu acordeón diatónico, Pedro asume mandolinas, o banjo e a accordina, unha especie de mestura entre o acordeón e a harmónica; o guitarrista Marcos Teira incorpora aos seus ritmos aflamencados guitarras eléctricas, cavaquinhos e o tres cubano. «Ningún destes instrumentos está tocado ao xeito habitual, é algo que nunca antes fixera con Marful», apunta Teira. América e os sons que cruzaron o charco nas maletas dos emigrantes segue no referente, mais tamén con olladas a Europa «agora con moita más elaboración. Porque non somos arqueólogos e cada tema ten un tratamento diferenciado», afirma Pedro.

Postais do mundo

A nova páxina web do grupo (marful.info), deseñada a partir dunha creatividade do artista lalinense Misha Bies Golas, será a plataforma de lanzamento do primeiro single deste segundo disco pendente de bautismo. O 25 de abril, chiscadela a Portugal, estará dispoñible a versión definitiva de Pasodoble Universal. A súa escolla como adianto non é casualidade, pero tampouco é elección ao uso.

«Decidimos empezar a presentar este disco cun tema que é unha canción de estampas, unha chiscadela chea de humor e desenfado, moi diferente ao ton do disco anterior, para que prenda na curiosidade do público e lle apeteza saber máis de nós, pero o resto do novo traballo ten pouco que ver con esta composición», explica Pedro Pascual. Tomando como referencia o pasodobre, emblema da música española, a composición de Marful viaxa polo mundo evocando ritmos nacionais doadamente identificábeis.

Nalgo menos de catro minutos, na versión provisional que xa se pode escoitar no portal virtual do cuarteto, soan compases dos pasodobres Madrid, Islas Canarias e Granada sobre unha melodía orixinal, fado e bossanova. A letra, un texto que repasa as viaxes do grupo en clave surrealista, tamén alude a Francia e Cuba e remata cun significativo «se non me perdo nas voltas, Galiza eu volto a ti» sobre unha alborada. Música galega convertida en canle de intercambio e comunicación cultural.

Marful continúa axitando a cocteleira sonora na que se mesturan os ritmos da viaxe musical emprendida pola banda desde a súa formación. O festival de Ortigueira, a comezos do vindeiro xullo, e o Teatro Colón da Coruña, en setembro, son as próximas citas confirmadas nas que Marful irá debullando as novas cancións, elaboradas con ingredientes da despensa tradicional ao gusto contemporáneo.

Fonte: elpais.com

Comparte e goza compartindo:
  • email
  • RSS
  • Add to favorites
  • del.icio.us
  • Google Bookmarks
  • Google Buzz
  • Meneame
  • LaTafanera
  • Chuza

alalá

[10.03.2009 crtvg.es]

Houbo un tempo, alá polos anos 30, 40 e 50, en que Galicia estaba chea de salóns de baile; habíaos en todos os recantos e chegou a haber ata tres na mesma parroquia, pois cumprían unha importantísima función social: eran o espazo de relación dos mozo…

Fonte: www.crtvg.es

Comparte e goza compartindo:
  • email
  • RSS
  • Add to favorites
  • del.icio.us
  • Google Bookmarks
  • Google Buzz
  • Meneame
  • LaTafanera
  • Chuza